20/11/15

Gamifica, que algo queda!

Hoxe, no segundo recreo, tivo lugar na Biblioteca do MGB o I Certamen Kahootiense, con gran éxito de participación e de público.

Esta ferramenta, que coñecín grazas ao blog de Margalida, permite realizar sinxelos cuestionarios tipo test que, unha vez proxectados na pantalla do canón, poden ser respondidos polos alumnos dende os seus teléfonos móviles, que neste caso funcionan como simples mandos a distancia cos que seleccionan a resposta mediante unhas iconas de cores.



Cando comeza a proba, na pantalla móstrase un pin que o alumno debe teclear no seu móvil. Logo deberá elixir un alias para o concurso e inmediatamente o nome elixido móstrase na pantalla xunto co do resto de participantes.

O profesor entón lanza a primeira pregunta, os alumnos contestan, e na pantalla aparece unha gráfica cos acertos e os erros. Logo sae a clasificación dos participantes, na que contan tanto os acertos como o tempo empregado en responder. Segue entón a segunda pregunta e así sucesivamente ata chegar ao final (normalmente se aconsella empregar unhas 20 preguntas)

Probara xa con gran éxito esta actividade nas clases de Cultura Clásica, pero hoxe, con todos os alumnos de Latín, Grego e Cultura Clásica do Centro, competindo xuntos por este doce podium, o resultado foi aínda máis satisfactorio.



A excusa de hoxe era a preparación da excursión que o vindeiro martes faremos á Via Nova e o campamento de Aquis Querquennis, pero pode facerse en calquera momento e sobre calquera tema.

Para realizar un destes cuestionarios o profesor debe rexistrarse nesta páxina e comezar a crear tantos cuestionarios como desexe. A edición de preguntas e facilísima e podemos engadir imaxes de fondo simplemente arrastrándoas.

Os alumnos concursan dende esta outra url, onde se lles pide o pin que logo sairá na pantalla do canón.

Hai xa moitos Kahoots creados por outros profesores que podemos aproveitar, aínda que non custa nada crear un novo que se axuste mellor ás nosas clases.

Deixo aquí uns exemplos:

pd: esta páxina describe con máis detalle o proceso de rexistro e creación dos cuestionarios e ademais contribúe a aumentar perigosamente o noso vocabulario con un palabro cool onde os haxa, un pérfido híbrido anglolatino. Resulta que a isto chámaselle "gamificar", polo que todo o aquí descrito responde a un intento de "gamificación" das nosas asignaturas, pasando agora a convertirnos en profes "gamificadores". Así que "Gamifica e vencerás", ou "Gamifica, que algo queda!". 

Game over! (Ludus confectus!)

No hay comentarios: