25/5/09

Roma en 360º


Completando a entrada anterior, acabo de descubrir, lendo a Margalida, esta fantástica web creada por fotógrafos afeccionados e profesionais, onde temos unhas incribles vistas panorámicas de Roma. Así, entre outras moitas vistas da cidade, podemos adentrarnos na praza do Campidoglio (vista2), nos museos capitolinos (vista2, vista3), nos mercados de Traxano, no Foro (vista2), no Pórtico de Octavia (a porta ao barrio xudeu, o dos Carciofi), no Panteón, no arco de Constantino, no Coliseo, e así poderíamos seguir ata 86 localizacións distintas, que abranguen os máis emblemáticos monumentos, prazas, pontes, fontes e museos da cidade.
Claro que todo o anterior tamén o podemos encontrar en "filminas"...
Forum in Rome

21/5/09

Filminas e Carciofi

Hoxe, na miña clase de TIC de 1º de bacharelato, estivemos traballando cunhas carpetas onde se recollían as memorias anuais do noso centro dende os anos 60.
Ademais de enterarnos de que contabamos entón cun "director espiritual" (que terá sido del?), e que os "orfos da cruzada e división azul" tiñan matrícula gratuíta, fixeime nunha partida de gastos onde se daba conta da compra dunha colección de "filminas" por valor de 50.000 pesetas, unha fortuna naquel tempo, sen dúbida.
Todo isto vén a conta de que, nesta semana, as voces gregas, ás que non se lle escapa nada do que acontece pola rede, subiron ao marcador social de Chiron a referencia dunha wiki sobre o foro romano, que contiña á súa vez unha ligazón a unha páxina imprescindible para min a partir de agora, aínda que probablemente lles parecerá ridícula aos profesores de latín do 2059, se é que aínda quedan...
Trátase do Digital Romam Forum, unha reconstrución virtual do foro romano realizada pola Universidade de California.
Dende un mapa eliximos un monumento e de seguido chegamos a unha nova páxina onde temos unha descrición do mesmo acompañada de varios vídeos panorámicos en formato QuickTime VR e imaxes en alta resolución, que podemos descargar por certo ao noso ordenador.
Botade unha ollada ao templo de Vesta.
Queredes dar unha volta en visión panorámica?
Pero hai máis...! Dende a wiki podemos descargar un arquivo *.kml para Google Earth que nos permite camiñar virtualmente polos monumentos do foro e facernos unha idea xeral da Cidade de cara a unha próxima visita no vindeiro ano, aproveitando as viaxes organizadas por SeecGalicia. Iso si, teremos que pasar antes un ratiño colléndolle o tranquillo ao rato, ás diferentes perspectivas posibles, zoom, capas, etc.
Os resultados son alucinantes. Dentro de pouco xa non vai facer falta viaxar a ningún lado...
... o único por esas pizzas de forno de leña ou as Carciofi alla judia do barrio xudeo (Via del Portico d'Ottavia, 21/A)

11/5/09

Composición culta e derivación grega e latina (II)


Hai un mes aproximadamente (tempus fugit irreparabile...) publiquei unha entrada onde daba a coñecer unha actividade de composición culta e derivación de orixe grega e latina.

Pois ben, unha vez testada na aula (os meus alumnos de 4º foron os encargados de probala a fondo...), publico esta nova versión 1.2, que inclúe moitas melloras e corrixe algúns erros detectados.
  • inclúe os termos gregos no seu propio alfabeto (xentileza de Ana Ovando)
  • corrixe erros nas táboas anteriores
  • engade termos novos e suprime algúns demasiado difíciles para os alumnos
  • inclúe bibliografía
E o mellor de todo. Podedes descargar dous bancos de preguntas moi completos para os vosos cursos de moodle. Están en formato Moodle XML. Só tedes que descargar co botón dereito do rato os bancos de preguntas incluídos máis abaixo, crear un cuestionario no voso Curso, e logo, na pestana "preguntas", picade en "importar". Por arte de maxia teredes case 200 preguntas listas para ser incluídas no voso exame (todas elas comprobadas na aula).
pd: Tedes outras actividades moi interesantes dispoñibles na WiChiron, a wiki de recursos de Chiron.

7/5/09

Dormes?


Dormes?, a última creación do Taller de Expresión Artística do MGB, segue acaparando premios. Nesta ocasión vén de proclamarse vencedora da fase Galega dos Premios Buero, entre outras 16 obras finalistas.

O premio? Participar na fase final Estatal deste prestixioso certame e asisitir, profesores e alumnos, na primeira semana de xullo, ao 2º Campus de Teatro Buero que se celebrará en Madrid, impartido polos mellores profesionais do mundo da escena (actores, directores, etc.).

Nesta obra participan 8 dos meus alumnos, case a totalidade dos que cursan Latín II, e que viaxaron comigo a Sagunt, a Lugo e a Tàrraco, dentro do proxecto dos 2000 anos por correo.

Centauros e centauras tiveron a oportunidade de ver esta o obra no transcurso do curso de Chiron en Compostela.

Noraboa Keki, Plácido, Noe, Danny, Abel, Alba, Lorena e Andrea!

6/5/09

Flocos TV: o cineclube do audivisual galego

Non acostumo facer unha entrada para recomendar un vídeo. Para iso está a galería de Chiron.
Pero hoxe é un caso especial. Un alumno de 2º de bacharelato acaba de deixarme unha mensaxe na Aula Virtual onde, ademais de lamentar os seus erros no exame de tradución de hoxe, recoméndame esta web onde podemos atopar dous vídeos moi recomendables sobre a romanización da Gallaecia: un sobre a Via Nova (e o campamento de Aquis Querquennis) e outro sobre o castro de Viladonga, ámbolos dous dirixidos por Ignacio de la Cierva. Unha mágoa os erros de visión no primeiro. Grazas Plácido!